Unha trintena de voluntarios retiran das illas de Ons e Cíes máis de 1.400 quilos da planta invasora 'margarita africana'

25/05/2019

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

Os participantes eran estudantes dos graos de Bioloxía e de Ciencias Ambientais do Campus de Ourense e alumnos de Xestión Forestal en prácticas do Centro de Formación Forestal de Lourizán e doutro centro de FP de Mondoñedo

Os traballos realizados esta semana enmárcanse nunha campaña continuada de control de especies exóticas no arquipélago impulsada polo Parque Nacional

Máis de 30 estudantes universitarios da rama de ciencias ambientais da Universidade de Vigo e alumnos de Formación Profesional de Pontevedra e Mondoñedo participaron esta semana nunha campaña promovida polo Parque Nacional das Illas Atlánticas co fin de controlar a expansión da margarita africana polo arquipélago. En total, retiráronse 1.400 quilogramos desta especie invasora, presente desde hai anos no parque e que supón unha ameaza para a flora autóctona.

Entre os voluntarios que participaron na iniciativa ao longo desta semana había alumnos dos graos de Bioloxía e Ciencias Ambientais do Campus de Ourense, dependente da UVigo, e tamén alumnado en prácticas do ciclo en Xestión Forestal e do Medio Natural do Centro de Formación Forestal de Lourizán e dun centro de FP de Mondoñedo (Lugo).

Grazas á súa formación, directamente relacionada co coidado da natureza e a biodiversidade, os voluntarios non só realizaron labores de localización e retirada de plantas invasoras senón que aproveitaron a súa presenza nas illas para explicarlles aos visitantes o impacto que pode producir a entrada de flora e fauna foráneas sobre as especies propias das illas e os seus hábitats.

Cómpre lembrar que esta nova actuación execútase no marco da campaña de control de especies exóticas invasoras do Programa de Conservación de Espazos Naturais e Reinserción, no que colabora o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Nesta ocasión, os traballos centráronse sobre todo en Ons, na que se retirou unha tonelada de margarita africana ou arctotheca (1.000 quilogramos); aínda que tamén houbo un grupo de voluntarios nas dúas illas situadas ao sueste do arquipélago de Cíes, San Martiño e Monteagudo, das que lograron eliminar máis de 400 quilos desta planta.

Manter activo este programa de conservación é clave desde o punto de vista medioambiental, xa que entre os seus principais obxectivos figura a eliminación de especies foráneas, sobre todo cando poñen en perigo a biodiversidade propia de cada lugar. En todo caso, cómpre precisar que nas zonas nas que se actuou, esta especie volverá saír porque as súas sementes poden permanecer activas durante varios anos, de aí a necesidade de repetir anualmente este tipo de actuacións.

Outras accións de voluntariado no Parque Nacional

Esta non é a única iniciativa de voluntariado que está en marcha nestes momentos no Parque Nacional. De feito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a organización ecoloxista WWF colaboran desde mediados de maio nunha campaña co fin de obter información sobre as actividades humanas que se desenvolven nas augas do arquipélago e as poboacións de aves mariñas mergulladoras presentes na zona. Este é o segundo ano consecutivo no que as Illas Atlánticas acollen esta actividade, na que participarán preto de 50 persoas e que ten como principal obxectivo contribuír á conservación da vida mariña neste enclave natural.

Grazas á información que se recompile durante os vindeiros meses, aumentarase o coñecemento existente sobre os usos humanos do medio mariño no Parque Nacional (pesca, actividades náuticas e recreativas, turismo, transporte…) e tamén a información dispoñible sobre as poboacións de aves mariñas e o uso que fan das augas desta zona.

Xornada de limpeza de lixo mariño

Así mesmo, o Parque Nacional impulsará este ano a segunda fase do proxecto Rede para a recuperación dos Ecosistemas Mariños no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, unha iniciativa dentro do Programa Pleamar da Fundación Biodiversidad que está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

As actuacións previstas para 2019, nas que o parque ten como socios ao Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e ao Instituto Español de Oceanografía, centraranse durante esta segunda fase nas illas de Ons e Cortegada, despois de que o ano pasado puxeran o foco sobre Sálvora.

De feito, con motivo da conmemoración do Día Europeo dos Parques Nacionais e no marco deste proxecto, organizouse onte en Ons unha xornada de limpeza de lixo mariño na que participaron preto dun cento de voluntarios pertencentes a distintas organizacións e entidades colaboradoras da zona, así como persoal vinculado aos tres organismos promotores. Os traballos de recollida e caracterización de residuos centráronse nos arenais de Area dos Cans, As Dornas e Melide, e todos os plásticos retirados converteranse a posteriori en palés reciclados grazas á colaboración da empresa Reciclanoil.

Xunta de Galicia

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies